Carballo avanza nas obras da rede de abastecemento de auga a Sofán e Verdillo

1 minutes read

O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros Luis Lamas e Maruxa Suárez achegáronse ata a parroquia de Sofán, onde está en execución o proxecto da rede de abastecemento cun investimento de 700.000 euros. As obras son executadas pola empresa Vázquez y Reino, e as persoas residentes nas zonas afectadas xa poden tramitar as solicitudes de enganche nas oficinas de Gestagua para que se vaian facendo ao mesmo tempo que a obra.

A conexión coa rede xeral realizarase nos núcleos do Alto (Verdillo) e O Forno (Sofán), e dende eles estenderase ao longo dos lugares de Bolón, Sofandónigo, Campo de Arriba, O Pilro, Quintela, A Tapia, O Forno, Periscal de Abaixo, Periscal de Arriba e A Praza, na parroquia de Sofán, e Regueira de Arriba, Regueira de Abaixo, Chacín e a Redonda, na de Verdillo. En total instalaranse 17.178 metros de tubaxes.