Carballo avanza para a inclusión do mercado municipal na rede de Mercados Excelentes de Galicia

2 minutes read

O Concello de Carballo segue a dar pasos para a consecución do selo de Mercado Excelente e a integración da praza de abastos na rede de Mercados Excelentes de Galicia. O obxectivo da Concellaría de Feiras e Mercados é dar resposta aos retos de modernización e innovación aos que se enfronta a praza pero sen perder a súa autenticidade e tradición, a súa proximidade e o trato personalizado. De xeito paralelo, e nesa mesma liña, está en proceso de constitución a primeira asociación de concesionarios/as dos postos do mercado.

A consecución do selo de Mercado Excelente permitiría culminar un proceso iniciado no ano 2019 coa elaboración do Estudo e diagnose para a mellora do mercado municipal, que establecía unha serie de melloras que fomos executando nos últimos anos, entre elas a adaptación do edificio aos requisitos da rede de Mercados Excelentes de Galicia, a aprobación dun novo regulamento de funcionamento e a actualización da ordenanza fiscal.

No ano 2023 foi adxudicado o servizo de xerencia, conserxería e limpeza das instalacións, habilitamos unha oficina de atención ao público, melloramos a sinalización, colocamos mobiliario nas zonas comúns, puxemos en marcha o plan de xestión de residuos e un programa de dinamización, ademais de accións de mentorización dos/as praceiros/as.

No ano 2023 foi adxudicado o servizo de xerencia, conserxería e limpeza das instalacións, habilitamos unha oficina de atención ao público, melloramos a sinalización, colocamos mobiliario nas zonas comúns, puxemos en marcha o plan de xestión de residuos e un programa de dinamización, ademais de accións de mentorización dos/as praceiros/as.

No 2024 formalizábase un novo contrato de arrendamento da cafetaría e tamén se realizaron catro novas concesións (dous postos de alimentación e outros dous exteriores), e no 2025 seguimos ampliando servizos coa creación dunha sala de lactación, a adecuación da aula de formación e tamén a mellora do espazo multiusos do primeiro andar. Tamén se renovou a imaxe exterior dos postos mediante a colocación de vinilos e instalamos estores para mellorar a distribución e reducir a pegada térmica nos alimentos. O Concello de Carballo recibiu para estas actuacións unha subvención de 3.146 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Do que se trata, en definitiva, é de dotar as instalacións de melloras que reforcen os sistemas de produción e comercio local de proximidade, tanto a través dunha relación máis estreita co sector da hostaleira-restauración, como de xerar sinerxías coas feiras e tamén a través do uso multifuncional das instalacións do mercado.