- A Xunta pretende obrar nunha parcela anexa ao actual, se ben o Concello xa ofreceu un espazo na rúa María Barbeito
Continúan as reunións de cara á mellora do servizo sanitario no municipio de Carballo e no resto da comarca de Bergantiños. Este mércores o rexedor carballés, Evencio Ferrero, mantivo unha xuntanza co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e outros cargos do seu departamento, para tratar de chegar a un punto en común no relativo ao centro de saúde da localidade, incluido no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado polo Consello da Xunta.
Desde o BNG reclamaban hai máis dun mes a creación dun novo centro debido a que o actual está no límite da súa capacidade, algo no que onte coincidiron ambas partes posto que o edificio está «esgotado», destacaron desde o goberno local.
O Concello de Carballo presentou á Consellería de Sanidade un informe no que se avalían, dende o punto de vista técnico, tres alternativas de actuación. A primeira delas, e a que sempre priorizou o ente autonómico, foi a ampliación do actual edificio para convertelo nun centro de saúde integral onde, ademais de incrementar as consultas de adultos, pediatría ou saúde mental, tamén se ampliaría a área de fisioterapia, mellorando a funcionalidade da de radioloxía e albergando consultas especializadas como oftalmoloxía ou cirurxía xeral e dixestiva. Sen embargo, esta opción non é posible debido a que as obras conlevarían a paralización da actividade sanitaria durante varios meses.
O resto das opcións van dirixidas á construción dun novo edificio, se ben a ubicación das parcelas é a que mantén as distancias entre ambas entidades. A Consellería de Sanidade defende edificar nunha parcela anexa ao actual centro. Desde o Concello sinalan que os terreos se atopan «nun sector de solo urbanizable pendente de desenvolvemento, e que ademais figura no PXOM como de iniciativa privada». O cambio normativo levaría, no mellor dos casos, algo máis de dous anos, pero desde Sanidade sinalan que «cabería a posibilidade legal de acurtar eses prazos» ao tratarse dun proxecto supramunicipal.
A terceira vía, pola que se decanta o goberno local, é a de crear un novo centro nunha parcela municipal. O Concello de Carballo ofreceu un espazo situado na rúa María Barbeito, cunha superficie de 5.333 metros cadrados e que conta coa cualificación urbanística, polo que «a construción podería ser inmediata». De feito, no caso de optar por esta alternativa «poderiamos adoptar o acordo de cesión xa no pleno deste mes», indicou o alcalde.