Carballo | Axober renova a súa páxina web


A Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober), coa colaboración do Concello de Carballo, quere reinventarse para afrontar novos retos que teñen ante si as súas empresas asociadas. Despois do traslado da sede social ao Fórum Carballo, Axober tamén cambia a súa sede virtual para dar resposta ás necesidades tecnolóxicas derivadas das formas de relacionarnos, de contactar, de informarnos e tamén de formarnos que trouxo consigo a COVID-19.


Os retos da era post COVID-19 pasan pola formación tanto para os/as empresarios/as como para os centos de traballadores e traballadoras que forman parte das empresas asociadas a Axober. Nese sentido, a formación permanente e especializada convértese nunha prioridade para que as empresas de Carballo e comarca gañen en competitividade nuns momentos cruciais para a economía.


Xunto á formación, que ocupa un lugar destacado na portada da nova páxina web, figuran a información e o asesoramento, dous servizos que constitúen unha das fortalezas de Axober grazas á colaboración de profesionais de prestixio en ámbitos como o laboral ou o fiscal.
En terceiro lugar destacan as iniciativas de promoción das empresas asociadas. A propia páxina web convértese nunha delas, xa que inclúe un completo directorio coas empresas dos sectores da alimentación, automoción, carpintería, fontanería, construción, electricidade, hostalaría, saúde, beleza, informática que, entre moitos outros, están representados na asociación.


Novas, galerías de imaxes, información sobre estatutos e apartados como “Empresas con historia”, nas que dan a coñecer as orixes e a evolución dalgunhas das sociedades máis antigas do municipio de Carballo, completan a oferta da nova páxina web, concibida para facilitar o acceso dende calquera dispositivo e como unha ferramenta evolutiva que se poida ir adaptando en cada momento ás necesidades que poidan ir xurdindo.


Dende Axober animan a todas as empresas da comarca, sexan do sector que sexan, a integrarse no seu proxecto para poder ser cada día máis fortes e afrontar con máis garantías de éxito os importantes retos que nos presenta o futuro.