Carballo busca mellorar a seguridade viaria do polígono de Bértoa grazas a unha subvención autonómica

1 minutes read
  • Na Xunta de Goberno tamén foi aprobada a primeira licenza do ano para unha nova empresa no parque empresarial

A Xunta de Goberno Local acordou este luns solicitar unha subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a execución dun proxecto de mellora da seguridade viaria no polígono de Bértoa, cun orzamento de 181.329,37 euros. Na sesión tamén se aprobaron varias licenzas de obra, entre elas a primeira do ano para a construción dunha nave empresarial no polígono. O investimento previsto na edificación, que se destinará á montaxe de casas prefabricadas, supera os 230.000 euros.

Na Xunta de Goberno tamén se deu luz verde ás bases da convocatoria de axudas de estudos para alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil e do Conservatorio Profesional de Música para o curso 2020-2021, cun orzamento de 66.000 euros.

Entre outras cuestións, tamén se aprobaron varias iniciativas da área de Cultura como o convenio de colaboración entre a AGADIC e o Concello para a xestión da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios do primeiro semestre do ano; as bases do XXIII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís ou os prezos públicos para os espectáculos organizados polo Concello de Carballo no Pazo da Cultura, que non varían con respecto ao ano anterior.