Carballo | Grupo Calvo pasa a chamarse Nauterra para impulsar a súa expansión internacional

2 minutes read
  • O apelido Calvo desaparecerá do nome da empresa familiar fundada en Carballo hai 80 anos.

O grupo conserveiro Calvo decidiu cambiar o seu nome corporativo por Nauterra para agrupar todas as marcas comerciais da empresa, Calvo, Nostromo e Gomes da Costa, que seguirán como ata o de agora. “Tiñamos que adaptar a identidade corporativa aos novos tempos”, explicou o seu conselleiro delegado, Mané Calvo, nunha rolda de prensa en Madrid este martes. A empresa familiar manterá a súa estratexia de negocio e prevé rexistrar uns resultados económicos similares aos de 2022, que se viron marcados por unha maior facturación pola inflación, pero menores marxes pola subida de custos.

Co cambio da denominación corporativa, o apelido Calvo desaparecerá do nome da empresa familiar fundada en Carballo hai 80 anos, pero a firma quere agrupar baixo un mesmo paraugas todas as súas marcas, para evitar algúns problemas de comunicación que ás veces se xeraban co nome Calvo, moi coñecido en España, pero menos noutras partes do mundo. A multinacional hoxe en día ten presenza en 70 mercados, conta con 5.200 empregados, fábricas e oficinas en sete países.

O cambio de nome abre o seu ámbito de actuación no sector alimentario. O seu conselleiro delegado explica que a compañía está “moi atenta” a poder entrar “noutros lugares que non sexan exclusivamente o atún e a sardiña”. “É unha intención que agora verbalizamos: queremos ser unha compañía de alimentación saudable. E nese ámbito, estamos cos ollos abertos para crecer tanto pola vía orgánica como pola inorgánica”, explicou Mané Calvo. “Non hai nada en marcha, pero Nauterra ábrenos máis o foco en alimentación saudable máis global, non tan enfocada ao peixe”, engadiu. Un foco que é practicamente pleno no seu negocio en España, aínda que no Brasil o grupo comercializa verduras ou aceites.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?