Carballo | Campaña de control da actividade forestal con sancións de ata 3.000 euros

Troncos de madera en la pista de Sísamo_Ayuntamiento de Carballo

  • As empresas madeireiras que causen danos nos camiños dispoñerán dun máximo de 15 días para arranxalos

O Concello de Carballo inicia unha campaña de información, vixilancia e control sobre a actividade das empresas madeireiras coa que pretende poñer freo aos danos causados nos camiños e vías do municipio. Unha iniciativa que tamén vai en consonancia cunha das reclamacións realizadas este mércores por Xuntos Carballo.

Como primeira medida, as empresas que habitualmente traballan na localidade recibirán unha carta co resumo do protocolo de actuacións. Requisitos a cumprir:

  • Será obrigatorio realizar unha comunicación previa con toda a información relativa á empresa e aos traballos de tala, polo menos con 8 días hábiles de antelación, no Rexistro Municipal ou a través do correo electrónico policia@carballo.gal.
  • Os servizos municipais procederán a comprobar o estado das vías, se ben a propia empresa poderá enviar unha reportaxe gráfica para axilizar os trámites.
  • A empresa responsable das cortas establecerá unha fianza de 3.000 euros a favor do Concello de Carballo para responder ante os posibles danos non reparados voluntariamente.
  • A madeira non poderá ser almacenada nas vías públicas e os traballadores deberán adoptar as medidas necesarias para manter os camiños limpos.
  • As vías situadas na zona de extracción e depósito deberán estar sinalizadas segundo a normativa vixente.

A empresa terá un máximo de 15 días para reparar os danos causados e, no caso de que o madeireiro non poida ser identificado, a responsabilidade será das persoas propietarias dos montes. Ademais, aquelas compañías que non cumpran o protocolo verán paralizados os seus traballos e incurrirán en sancións que van desde os 750 euros por non achegar a documentación ata un máximo de 3.000 euros por orixinar desperfectos nos camiños.