Carballo | Cargan contra o Concello tras o arquivo dunha denuncia contra dous policías

1 minutes read

O representante do sindicato de funcionarios no Concello de Carballo «A Alternativa», Vítor Recarey Añón, emitiu un comunicado no que anuncia o arquivo do expediente de denuncia contra dous axentes da Policía Local, por unha suposta incompatibilidade para exercer de policías e promotores do desenvolvemento e planificación dun programa informático de xestión policial denominado XesPol. Recarey califica de «atropelo» o sufrido polos axentes Manuel Fuentes e Katerina Pena, pola creación deste programa, tras ser denunciados pola empresa contratista que xestiona outro sistema similar denominado Appolo, utilizado polo propio Concello.

Recarey carga duramente contra o proceder da parte denunciante así como contra o propio Concello pola celeridade coa que lles abriu expediente sancionador aos citados axentes, aos que tivo en vilo durante varios meses, enfrontados a acusacións moi graves e á petición de penas moi duras, que incluían, incluso, a de separación do servizo.


Segundo A Alternativa, a resolución de arquivo do expediente sancionador aberto é profundamente clarificador. Ao longo de máis de trinta páxinas de antecedentes, probas e testemuños das persoas que foron citadas a declarar, constátase de forma contundente que non hai conduta punible por parte das dúas persoas denunciadas, pero demóstrase moito máis que iso, e, novamente, segundo Vítor Recarey, o Goberno local queda fortemente retratado.

.