Desde o levantamento do estado de alarma desbloqueáronse as adopcións de mascotas na Canceira Municipal de Carballo. O servizo municipal está aberto ao público todos os xoves e os sábados, en horario de mañá e de tarde, para facilitar o coñecemento e adopción dos animais que nela se atopan. Desde que o servizo está en marcha foi posible atopar fogar para case 250 mascotas, pero cabe a posibilidade de que poidan ser moitas máis. Por iso, aproveitan a celebración do Día Mundial dos Animais, o 4 de outubro, para lembrarche a importancia da adopción para darlles unha oportunidade a todos eses cans e gatos que son abandonados cada ano. Ademais da Canceira Municipal, que é xestionada pola empresa Servigal, o Concello de Carballo mantén nestes momentos a outros 14 cans de razas potencialmente perigosas nunha instalación privada. Unha vez máis, queren facer un chamamento á responsabilidade dos/as propietarios/as, ademais de lembrarlles que o abandono de animais de compañía está considerado coma unha falta grave na Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía en Galicia, e pode supoñer sancións de 501 a 5.000 euros. Tamén é unha falta grave non ter identificados aos cans.
36