O FIOT regresa ás táboas logo dun ano “en pausa”. O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, retomará este outono a súa habitual programación de espectáculos e actividades na comarca bergantiñana para celebrar unha edición moi especial: a 30ª.
O festival, unha referencia en Galicia e no Estado polo seu traballo a prol da creación de novos públicos e fortalecemento da escena, manterá viva a chama da posta en valor e recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego. É o caso de Casilda García Alfaro. A actriz recibirá o este ano o premio Xograresa de Outono, galardón que salienta a traxectoria de profesionais das artes escénicas e que outorgan os premiados de anteriores edicións. Nesta ocasión, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar a calidade de García Alfaro como intérprete, así como o seu compromiso empresarial e noutros ámbitos da escena, como é o seu papel na organización da Mostra de Cangas ou mesmo na Revista Galega de Teatro. Deste xeito, Silda, como é coñecida no sector, recollerá este outono o testigo do escenógrafo Carlos Alonso, galardoado no FIOT en pausa do pasado 2020.
Biografía Casilda García Alfaro
Silda é impulsora de diferentes proxectos relevantes para o teatro galego das últimas décadas. Inicia a súa traxectoria teatral en Coiro (Cangas), a finais dos 70, no grupo amador Matamoura. Uns anos depois, participa na creación de Teatro de Ningures, no que permanece na actualidade. O vínculo coa escena local da pé a ser fundadora da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, mais non é o único proxecto que promove: é unha das fundadoras de Producións Teatrais do Sur (Tanxarina, Teatro do Morcego e Teatro de Ningures) e coa súa compañía impulsa a primeira co-produción teatral galego-portuguesa: Terra de Lobos.
Ao longo da súa traxectoria, a Xograresa de Outono 2021 participa en case 40 espectáculos (tamén con Teatro do Morcego, Balea Branca, Centro Dramático Galego e Contraproducións), nos que ten ocasión de interpretar personaxes do teatro clásico e contemporáneo, e tamén de recibir galardóns: é o caso de A noite das tríbades, de Teatro do Atlántico, pola que gaña o Premio María Casares á mellor actriz protagonista. Nestes últimos anos, García Alfaro compaxina o seu traballo sobre as táboas coa dirección (Defensa da vila. María Soliña), o profesorado (Aula de Teatro da Universidade de Vigo) e a vicepresidencia do Consello Editorial da Revista Galega de Teatro (Erregueté).
O FIOT
O certame nace en 1992, da man da Asociación Cultural Telón e Aparte, como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, e grazas ao apoio do Concello de Carballo, o Festival Internacional Outono de Teatro é un lugar de encontro entre artistas, compañías e programadores que aposta por estimular a creación e o traballo en rede, tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción de novos espectáculos en diferentes formatos, fundamentalmente de compañías galegas.
O pasado 2020, o certame celebrou unha edición “en pausa”, coa intención de retomar a súa actividade habitual no 2021. Con todo, FIOT presentou unha programación na que se puideron ver celebradas obras como Prostitución ou Curva España, e na que destacou a integración da cultura dixital e audiovisual coa escena. Neste sentido, unha das propostas máis singulares do FIOT en pausa foi a estrea do FIOT Fónico, unha nova liña de programación que procura experimentar con novas linguaxes teatrais e introducir á cidade no teatro a través das novas tecnoloxías. Así, no 2020, na peza A lúa, válvula de spray conxugáronnse as artes escénicas coa arte urbana mediante a transformación de oito murais de Carballo na escenografía dunha obra de teatro. A obra, escrita por Rosalía Fernández Rial, contou coa dirección de Quico Cadaval e un reparto conformado por Melania Cruz, Santi Romay e María Roja.