Carballo | Causan importantes danos e desvalixan unha nave industrial na Ponte Rosende


Persoas descoñecidas cebáronse na madrugada deste luns cunha nave industrial situada fronte á estrada Carballo-Portomouro, na Ponte Rosende, en Carballo. A nave, de recente ocupación, servía de almacén de pensos, cereais e artigos de gandería. A propiedade estaba a realizar o seu acondicionamento e os trámites necesarios para a súa apertura ao público. Desde facía uns días xa almacenaba no seu interior produtos e utensilios relacionados coa súa actividade, ademais dun furgón.

Os amigos do alleo traballaron durante parte da noite (calcúlase que entre as 12 e as 3 da madrugada) e conseguiron levar un suculento botín. Un barril de viño, un montacargas para camión, un grupo electrógeno e dez pallets completos de penso para cans (cada pallet pode chegar a levar 60 sacos) foron algúns dos artigos que desapareceron. Pero ademais utilizaron un furgón que se atopaba no interior da nave e que terminou seriamente danado. Todo iso engadido aos danos en portais e instalacións suma máis de trinta mil euros de perda para a empresa, aproximadamente.

O propietario xa presentou a correspondente denuncia ante a Garda Civil de Carballo, que abriu unha investigación para esclarecer o ocorrido, localizar a mercadoría e tratar de deter aos autores do roubo.