Este venres presentouse en Carballo unha nova proposta que se desenvolverá arredor do Día Mundial do Pan, que se celebra cada 16 de outubro dende o ano 2006, e na que estarán implicadas unha vintena de panadarías tradicionais do concello, dende Outón de Rus ata Razo, pasando por Sofán, Ardaña, Bértoa, Carballo e, por suposto, A Brea, o barrio panadeiro por excelencia.
Dez dos panadeiros e panadeiras participantes, en representación de todo o sector, deron a coñecer a iniciativa xunto co alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Feiras e Mercados, Juan Seoane. Precisamente o mercado municipal de abastos foi o escenario da presentación da campaña, que, como explicou Juan Seoane, inclúe un concurso en redes sociais (podes descargar as bases máis abaixo) e a distribución entre a clientela das panadarías de material promocional (bolsas de pan e adhesivos) coa imaxe de Máis de Carballo que o pan, un simpático molete que agardamos que protagonice moitas máis actividades no futuro.
Xa se presentaron por parte dalgúns dos asistentes algunhas ideas para seguir promocionando o pan de Carballo, pero o primeiro paso está dado coa ampla participación. Nun momento de expansión das empresas vinculadas ao sector parece axeitado poñer en marcha unha serie de accións que contribúan a fortalecer a marca Panadarías de Carballo, incrementar a proxección do pan de Carballo fóra do municipio e da comarca coma un recurso gastronómico con grandes posibilidades turísticas e revalorizalo a nivel local con iniciativas que impliquen a outros sectores económicos, coma a hostalería. En definitiva, aportarlle un valor engadido.