A Concellaría de Medio Ambiente celebrao cunha serie de actividades, a primeira será este xoves ás 11.30. Coincidindo co Día da Árbore realizarase un acto simbólico, coa colaboración da escola de Artes, o CRA Ponte da Pedra e o Pazo de Vilar de Francos, xunto ao carballo centenario, gravemente danado despois de tronzar o 3 de agosto do ano pasado. Os nenos e nenas estiveron a traballar nos últimos días para preparar a súa particular homenaxe á árbore senlleira. Como premio a ese esforzo, ao remate do acto poderán gozar dunha merenda no Pazo.
Tamén se realizará unha plantación de árbores no campo da festa de Oza, dando así resposta a unha petición do consello parroquial.
Para o sábado está programada unha nova cita coa infancia, neste caso nas instalacións do Horto Infantil Ecolóxico Municipal, situadas na rúa Nardos, ás 11.00 horas. Os nenos e nenas que participaron o ano pasado na xornada de apadriñamento e amadriñamento das landras recollidas no propio recinto poderán ver como evolucionan os pequenos carballos. As plantas foron inventariadas e quedaron ao coidado do Horto á espera de que alcancen o tamaño necesario para poder ser transplantadas. Este ano non poderá ser, pero os padriños e as madriñas recibirán un “título de propiedade” para cando chegue o momento.
