Carballo celebra o Día das Letras Galegas cun innovador formato dixital

Ricardo Carvalho Calero_Cartel das Letras Galegas 2020 Carballo_Cedida

  • O domingo 17 haberá unha festa virtual con Lupe Blanco, a Banda Municipal de Gaitas, a Banda de Música do CMUS e Galeatro

Este ano o Concello de Carballo celebrará o Día das Letras Galegas #desdeamiñacasiñameular, cun novo formato de cultura dixital que permitirá que o espectador poida interactuar desde a súa casa.

Este 17 de maio, a partir das 12.00 horas, calquera persoa poderá desfrutar dunha hora de entretemento, música, teatro e humor desde as páxinas oficiais de Youtube e Facebook do Concello de Carballo e do departamento de Cultura. A regueifeira Lupe Blanco, a Banda Municipal de Gaitas e Banda de Música do Conservatorio, a compañía de teatro Galeatro e as colaboracións especiais de Vagalume Animación e Rosalía Fernández Rial encherán de cultura galega as redes sociais.

Desde o Concello lembran que aínda segue aberto o concurso audiovisual #desdeamiñacasiñameular. Para participar o concursante deberá subir un vídeo en Instagram lendo un texto de calquera dos autores homenaxeados, ou unha fotografía, debuxo ou ilustración alusiva ao día grande das Letras Galegas. Deberá Utiliza o hashtag #desdeamiñacasiñameular e etiquetar a @carballomola.