Carballo celebra un ano máis o Día Mundial do Pan

2 minutes read

Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Pan, o 16 de outubro, e coa colaboración de todas as panadarías tradicionais do concello, a partir do propio luns (as panadarías que non abren os luns empezarán o martes) realizarase un reparto de material promocional coma as bolsas de tea e os adhesivos coa imaxe do simpático molete que protagoniza a campaña, que tan boa acollida tiveron o ano pasado. En total distribuiranse outras 500 bolsas e 20.000 adhesivos, e ademais atoparás aos panadeiros e panadeiras ataviados cuns mandís especialmente deseñados para a ocasión.

A partir do martes, ademais, atoparás na Biblioteca Rego da Balsa e no Museo de Bergantiños as postais gañadoras do concurso realizado nas redes sociais para celebrar o Día Mundial do Pan vinculado á conmemoración do Ano do Xestal. O xurado, integrado pola artista plástica carballesa Rakele Cavallo; o deseñador gráfico Óscar Vázquez, autor da imaxe do Ano do Xestal, e o profesor, músico e polifacético artista Xurxo Souto, escolleu os deseños que podes ver máis abaixo, asinados por Juan Félix Gende, Óscar García, Cris Alborja e Lidia Loureiro. En total, 2.500 postais, que poderás recoller de balde ata fin de existencias.

O obxectivo de todas estas accións desenvolvidas ao longo do ano non é outro que fortalecer a marca Panadarías de Carballo, incrementar a proxección do seu pan fóra do municipio e da comarca coma un recurso gastronómico con grandes posibilidades turísticas e revalorizalo a nivel local con iniciativas que impliquen a outros sectores económicos, coma a hostalería. En definitiva, aportarlle un valor engadido.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?