Carballo celebrará o seu Entroido máis caseiro a través das redes sociais

1 minutes read
  • Os veciños poderán enviar fotografías ou vídeos onde se vexan os seus disfraces, postres típicos ou a decoración do fogar

Como moitos concellos galegos, Carballo decidiu non quedar atrás e celebrar estas festividades a través dunha iniciativa virtual que leva por título «Comparte o teu Entroido».

Desde o Concello animan á veciñanza a que envíe fotos ou vídeos de disfraces, comida ou postres típicos, e mesmo de decoración no fogar ao número de Whatsapp 604072887. Todas as pezas audiovisuais compartiranse nas redes sociais do Concello para animar estes días de troula atípicos. Por se alguén precisa inspiración, pode ver o pequeno vídeo realizado polo alumnado da Aula de Teatro Municipal.

O Entroido de Carballo é unha das celebracións máis grandes da Costa da Morte, pero a situación na localidade carballesa con respecto á Covid-19 segue a ser das máis preocupantes na área sanitaria A Coruña-Cee, con máis de 300 casos activos, unha incidencia acumulada superior a 750 casos por 100.000 habitantes e 27 persoas falecidas na residencia de maiores DomusVi. Por isto, todas as programacións culturais para este mes quedan suspendidas.