Carballo | Celebrado o pleno ordinario de novembro de xeito telemático


Como cada pleno de novembro, desde o ano 2003, aprobouse unha Declaración institucional con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres e as Nenas.Tamén saíron adiante sen discusión a proposta para a derrogación de dúas ordenanzas que quedaron obsoletas pola aprobación de normas de rango superior e a resolución dun expediente de investigación sobre un camiño en Goiáns de Arriba no que se conclúe que non é público.

A corporación sacou adiante, coa abstención de Terra Galega, a modificación da ordenanza que regula as taxas do lixo comercial para poder reducir o custe do servizo para os sectores da hostalaría, os aloxamentos e establecementos turísticos ou as axencias de viaxes, que son os sectores máis afectados polas restricións derivadas da COVID-19. Pero esa redución, que en principio tería como tope o 50% da taxa anual, poderá chegar ao 100%, xa que, tal como anunciou o voceiro do grupo municipal do BNG, o goberno local está “traballando nunha liña de subvencións para compensar a totalidade da taxa do lixo”.

As mocións do PP sobre a creación de mesas de hostalaría e comercio e sobre axudas á hostalaría foron rexeitadas. O BNG votou en contra, no primeiro caso argumentando que a constitución dese tipo de mesas _en Carballo xa existe unha de comercio_ está regulado pola Xunta e tería que facerse segundo esas normas, aínda que deixou a porta aberta á integración doutros sectores na mesa de comercio se o permite a Administración autonómica. Na segunda moción, para o goberno municipal varias peticións do PP están xa atendidas e outras deberían atendelas as administracións que teñen competencias. Neste punto tamén se abstivo o PSOE. A moción sobre sanidade presentada polo PSOE saíu adiante coas únicas abstencións dos populares.

No apartado de rogos e preguntas, TeGa interesouse por un positivo de COVID-19 no Bergantiños e por un expediente por infraccións nun local de hostalaría, e o PP, polo horario da Biblioteca do Museo, o saneamento en Cambre, o convenio coa Xunta para o arranxo da Avenida de Fisterra e o canon da auga.