O vindeiro luns 11, coincidindo co inicio da Fase 1 do Plan de transición cara unha nova normalidade, no Concello de Carballo celebrarase a primeira Xunta de Goberno Local dende a declaración do estado de alarma. A convocatoria, vai precedida nesta ocasión por unha resolución na que se establece que, dada a crise sanitaria provocada polo coronavirus, a sesión celebrarase de maneira telemática, un sistema que se estenderá ás comisións informativas e aos plenos a partir deste mesmo mes. Na convocatoria figuran, entre outros asuntos, adxudicacións de obras por un total de 435.482,57 euros.
Ademais, iniciarase o procedemento de contratación do subministro e a conexión de puntos de luz dos denominados “de tanto alzado” a cadros de nova instalación no alumeado público das parroquias de Carballo, Bértoa, Sísamo, Noicela, Razo, Sofán, Aldemunde, Vilela e Xoane, co obxectivo é incorporar estes puntos de luz ao sistema municipal de alumeado, cambiando as vellas luminarias de vapor de sodio por lámpadas tipo led, máis eficientes, o que permitirá mellorar o servizo e abaratar a factura.