Carballo celebrou o 150º aniversario do nacemento de Xesús San Luís Romero

1 minutes read

A Banda Municipal de Gaitas, dirixida por Suso Moreira, empezou interpretando dúas pezas para introducir a excelente intervención do cronista carballés Xan Fraga Rodríguez. “Setembro é o mes de Xesús San Luís Romero”, dixo, porque naceu o 9 de setembro de 1876, casou o 8 de setembro de 1900 e morreu o 22 de setembro de 1966. 94 anos nunha época na que esperanza de vida roldaba os corenta, un dato que Xan Fraga aproveitou para unha brincadeira vinculando esa lonxevidade ao feito de ter nacido na rúa da Saúde.

Despois de facer un detallado e interesante repaso polos feitos máis destacados da longa vida de San Luís Romero e pola súa obra, Xan Fraga agradeceu a iniciativa do Concello de Carballo e fixo un chamamento á publicación das obras completas do autor.

O alcalde tomou a palabra de seguido para amosar a súa satisfacción por este «encontro da comunidade carballesa para lembrar a fillos ilustres», e lamentar que, por atoparse de viaxe, nesta ocasión non puidesen acompañarnos os familiares de San Luís Romero.

A celebración continuou cunha lectura dramatizada de varias escenas da obra máis coñecida de San Luís Romero, “O fidalgo”, a cargo de Alba Bermúdez, de Galeatro, e Toño Casais, de Talía Teatro, dirixidos por Artur Trillo, director tamén da Aula de Teatro Municipal de Carballo. A actuación foi moi aplaudida polo público, así como o peche do acto por parte da Banda Municipal de Gaitas interpretando a Marcha do Antigo Reino de Galicia.