O último pleno ordinario do mandato estivo marcado polas despedidas, xa que varios membros da corporación actual non concorren ás eleccións do 28 de maio; os intensos debates que xeraron algunhas das cuestións abordadas e o numeroso público que se achegou ata o salón de sesións, puxo en lembranza de moitos a necesaria participación cidadá, e de outros os mellores momentos de cando eran retransmitidos por televisión.
O tema máis debatido foi o relacionado co plan especial de Razo, tras a recente petición de TeGa da súa aprobación inminente, aproveitando para incidir na «nefasta xestión en urbanismo» por parte do Goberno do BNG. O Bloque non quixo, o PP non esta de acordo nin coa forma nin co fondo, ao PSOE non lle gusta, e polo tanto TeGa quedou como estaba, pouco máis que fixo que un poder de convocatoria do vencindario de Razo, maioría na bancada. A moción deste asunto foi rexeitada, xa que o BNG votou en contra e os outros dous grupos da oposición abstivéronse.
Outros asuntos
A adhesión do Concello de Carballo á rede estatal de entidades locais pola compostaxe doméstica e comunitaria saíu adiante por unanimidade. A conta ordinaria de recadación correspondente ao exercicio 2022 foi aprobada cos votos do goberno municipal do BNG, mentres que o resto dos grupos se abstiveron. Idéntico resultado se produciu no punto seguinte, a modificación orzamentaria proposta polo goberno para realizar investimentos por valor 1,6 millóns de euros con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais. En canto ao pago de facturas presentadas este ano por compromisos adquiridos no 2022, votaron a favor o BNG e o PSOE, mentres que PP e TeGa abstivéronse. A oposición abstívose con respecto á modificación do contrato de xestión do servizo de recollida de lixo. No punto relativo ao contrato de servizo de limpeza viaria, con reserva a centros especiais de emprego e empresas de inserción social, votaron a favor BNG e PSOE, mentres que o PP abstívose e TeGa votou en contra.