Carballo comezará a celebrar o Samaín cunha decoración feita polos máis cativos

Cabaza nun xardín_Concello de Carballo

  • Os nenos poderán depositar as súas cabazas nos espazos sinalizados das zonas verdes da praza Eduardo Pondal

A celebración do Samaín está cada vez máis preto, e desde o Concello de Carballo aproveitan estas datas para animar aos máis cativos a participar nunha iniciativa de decoración que, antes das novas restricións sanitarias da Xunta, estaba pensaba para realizar de xeito grupal.

Desde este sábado os nenos de Carballo poderán decorar os xardíns municipais coas cabazas do Samaín. Esta iniciativa ten como obxectivo implicar aos cativos no coidado das zonas verdes desde unha perspectiva medioambiental e dunha conciencia cívica cara os bens comunitarios, fomentando ademais a creatividade infantil.

Este ano, nas zonas sinalizadas dos xardíns da praza Eduardo Pondal, na contorna do CEIP Bergantiños, lucirán as cabazas que encherán de cor eses espazos baleiros.