Carballo | Completada a segunda fase de reurbanización da avenida das Flores

1 minutes read
  • A instalación do mobiliario urbano e o axardinamento finalizarán o proxecto

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e os concelleiros Luis Lamas e Maica Ures, achegáronse ata a avenida das Flores coincidindo co inicio dos traballos de instalación do mobiliario urbano que, xunto co axardinamento, completarán a segunda fase do proxecto de reurbanización do treito da DP-1901 comprendido entre as rúas Papoula e Nacente.

As obras, executadas pola empresa Construcciones Cernadas, foron adxudicadas por 629.059,94 euros pola Deputación da Coruña, titular da vía. Con esta actuación están xa reurbanizados máis de 1.200 metros, e a intención das administracións local e provincial é darlle continuidade ata Sísamo nunha terceira e última fase.

O proxecto que agora remata discorreu na súa totalidade polo núcleo urbano e incluíu a dotación de plataforma única a todo o ancho da vía, eliminando as barreiras arquitectónicas e facilitando a accesibilidade. A actuación desenvolvida tamén permitiu rematar coas continuas avarías na rede de auga.