Carballo | Concello e Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos poñen en marcha ‘Actívate no Outono’


A edición inaugural desenvolverase do 7 de outubro ao 14 de novembro no centro social de Imende, pero que ten vocación itinerante e está aberto ás propostas que poidan chegar dende calquera outra parroquia. 

O programa recolle actividades de todo tipo. Arrincará o venres 7 coa inauguración dunha exposición fotográfica da Federación Galega de Submarinismo na que poderemos descubrir tesouros agochados nos nosos fondos mariños. A mostra, que permanecerá aberta durante todo o mes, complementarase na xornada inaugural cunha charla explicativa do presidente da federación, Javier Núñez.  

O sábado 8 chegará ao centro social de Imende o baile para maiores, cunha sesión de música en directo amenizada polo dúo Marineda. 

A seguinte actividade será o venres 21 de outubro. Neste caso abordarase a problemática dos parques eólicos, un tema no que a veciñanza destas dúas parroquias ten amosado gran interese e sobre o que quería ter unha opinión experta. Para abordalo contaremos con Fins Eirexas, xeólogo e secretario técnico de Adega, que abordará A problemática do desenvolvemento eólico no rural galego. No seu relatorio falará do marco normativo e da perspectiva histórica, dos impactos ambientais e socioeconómicos dos parques eólicos e das propostas de mellora tanto en modelos de implantación como a nivel de contratos ou acordos. 

Actívate no outono continuará o venres 4 de novembro cunha sesión teórico-práctica de primeiros auxilios no fogar impartida por persoal do Servizo Municipal de Protección Civil, e rematará o venres 18 con outra xornada teórico-práctica sobre compostaxe doméstica.  

Agás o baile, todas as actividades comezarán ás 19.00 horas e están abertas non só ás veciñanza de Noicela e Rebordelos, senón de calquera outra parroquia.