Carballo | Concello e Ecovidrio presentan a campaña “Recicla vidro por elas”

Campaña 'Recicla vidro por elas'_Cedida

  • Os ingresos irán destinados a proxectos de investigación do cancro de mama a través da Fundación Sandra Ibarra

Ecovidrio, a entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión da reciclaxe dos residuos de envases de vidro en España, pon en marcha por quinto ano consecutivo a campaña “Recicla vidro por elas”, que chega por primeira vez a Carballo grazas á colaboración do Concello e que conta ademais co apoio da Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro (AECC).

A presidenta da asociación carballesa, Ana Casais, acompañada por outra compañeira da xunta directiva; a concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures, e o alcalde, Evencio Ferrero, presentaron a iniciativa xunto aos dous colectores de cor rosa que quedaron colocados na rúa Coruña, e que permanecerán durante os próximos días a disposición da veciñanza.

A iniciativa persegue mobilizar á cidadanía para avanzar na reciclaxe dos envases de vidro e contribuír a unha causa solidaria, xa que Ecovidrio transformará os envases que se depositen nos colectores nunha doazón á Fundación Sandra Ibarra de Solidariedade fronte ao Cancro.

Con esta campaña, na que participan 140 cidades de todo o territorio nacional, Carballo tamén se suma ao labor de investigación, sensibilización e prevención que desenvolve a Fundación Sandra Ibarra. Neste sentido, a concelleira Maica Ures subliñou a importancia de dedicar todos os recursos posibles a eses campos, ao tempo que pediu que a Covid-19 non supoña un freo á investigación sobre o cancro nin á atención e detección precoz, tan importantes no tratamento da enfermidade.