Carballo | Concello e Íntegro celebraron o “Día da Accesibilidade”


O Día da Accesibilidade en Carballo estivo enmarcado dentro da programación da Semana Europea da Mobilidade. Ese día celebrouse este luns cunha campaña sobre os aparcamentos reservados para persoas con mobilidade reducida pola mañá e unha ruta para “chequear” a accesibilidade nos barrios da Milagrosa e A Cristina pola tarde.

O máis rechamante da xornada matinal foi a ocupación de varias prazas de aparcamento da rúa Cervantes con cadeiras de rodas e distintas axudas técnicas, xunto con carteis nos que podían lerse algunhas das “escusas” utilizadas con máis frecuencia polas persoas que ocupan as prazas para persoas con mobilidade reducida: “Son só 5 minutiños”, “Será só un momentiño”, “Volvo nun santiamén”, “Non teño tarxeta… pero non pasa nada, non?”, “Non sabía que aquí non podía aparcar”…

Pola tarde, usuarios e usuarias de Íntegro realizaron unha ruta polos barrios da Milagrosa e A Cristina para “chequear” a accesibilidade. Froito destes percorridos están en marcha nestes momentos proxectos como o de mellora da accesibilidade na Milagrosa e a rúa Vázquez de Parga, e a intención do Concello de Carballo é seguir actuando, na medida das posibilidades, en todos os barrios. A Semana Europea da Mobilidade remata coa colocación de aparcabicis e o pintado de rutas do pedibús.