Carballo condena os reiterados actos de vandalismo contra a ornamentación de Nadal

  • Esta fin de semana foi roubado un dos bastóns da rúa Ponte e dous quedaron danados, ao igual que un dos renos do Xardín Municipal e outro boneco da rúa Valle-Inclán.

Despois dos actos de vandalismo contra a ornamentación de Nadal que se rexistraron esta fin de semana, dende o Concello de Carballo expresan a súa condena a este tipo de accións e anuncian que actuarán con contundencia contra as persoas responsables dos reiterados danos aos elementos decorativos colocados pola Concellaría de Promoción Económica nas zonas de maior intensidade comercial da vila para promocionar un sector tan importante para a economía local e, ao mesmo tempo, espallar o ambiente de Nadal polas rúas.

Así mesmo, fan un chamamento á colaboración cidadá para tratar de identificar aos autores dos feitos. Esta fin de semana as “vítimas” foron os bastóns colocados na rúa Ponte: un foi roubado, noutro caso intentárono pero non puideron arrancalo e quedou danado, e o terceiro foi esnaquizado, polo que nestes momentos só quedan tres. Os dous que puideron ser recuperados están xa no taller artesán no que foron construídos e a intención é repoñelos canto antes. As dúas primeiras accións rexistráronse pasadas as 07.00 horas do domingo, e a terceira, a noite seguinte, sobre as 03.00 horas, tal como confirmou unha veciña que foi testemuña dos feitos. Os seus autores serían tres ou catro mozos duns vinte anos de idade, segundo indicou. As forzas de seguridade están facendo xa indagacións para intentar localizalos.

Tamén causaron danos nun dos renos do Xardín Municipal e no conxunto de bonecos de neve da rúa Valle Inclán.

Ademais de apelar ao civismo para evitar que este tipo de accións se repitan, dende o Concello de Carballo tamén fan un chamamento á veciñanza para que os adornos sexan respectados, procurando non tocalos nin subirse a eles, dado que están feitos con materiais delicados, como fibra de vidro e madeira.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha