Este venres, 9 de setembro, o Concello de Carballo conmemora o 150º aniversario do nacemento de Xesús San Luís Romero en Carballo. Será unha xornada moi especial con dous escenarios de celebración: o colexio que leva o seu nome e a rúa da Saúde, onde naceu no ano 1872.
No CEIP Xesús San Luís Romero poderá verse a partir do día 9 unha exposición sobre a vida e a obra do autor, aínda que esta será só a primeira dunha serie de iniciativas que se desenvolverán ao longo do curso escolar para reivindicar unha figura fundamental da literatura galega da época.
Os actos na rúa da Saúde, ao pé da casa onde naceu, comezarán ás 20.00 horas coa actuación da Banda Municipal de Gaitas. De seguido intervirán o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o historiador e cronista local Xan Fraga Rodríguez, que fará unha introdución sobre a figura de Xesús San Luís Romero e a súa obra poética e teatral. No mesmo lugar onde se conmemorou hai catro anos o centenario de “O fidalgo”, a actriz Alba Bermúdez, de Galeatro, e o actor Toño Casais, de Talía Teatro, dirixidos por Artur Trillo, realizarán unha lectura dramatizada de varias escenas da súa obra máis coñecida e popular.
A celebración do 150º aniversario do autor, aberta a toda a veciñanza, rematará coa música da Banda Municipal de Gaitas.