- A presentación da iniciativa, que inclúe a instalación de papeleiras con dispensadores de bolsas, será este sábado 5 de xuño
O Concello de Carballo pon en marcha unha nova campaña para concienciar á sociedade da importancia de coidar da contorna con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebrará o vindeiro sábado, 5 de xuño.
Desde a Concellaría de Medio Ambiente «queremos incidir este ano na mensaxe de que é imprescindible a colaboración de todas e todos para que poidamos presumir dunhas rúas libres de residuos». Para isto presentarase unha iniciativa que poñerá o foco de atención os propietarios de cans para que recollan os excrementos dos seus animais. «A presenza de cacas nas beirarrúas e nos parques é unha das queixas reiteradas por parte da poboación, ademais de supoñer un problema para o persoal do servizo de limpeza viaria» destacan desde o consistorio.
Dentro das actividades Eu quero a Carballo, no ano 2019 realizouse un reparto masivo de dispensadores de bolsas para correas, e agora «instalaremos novas papeleiras que tamén inclúen dispensadores de bolsas, intentando así seguir facilitando a recollida dos excrementos».
Ademais desta acción, que conta coa colaboración de Aspaber UTE, difundirase o vídeo “Non máis minas polas rúas” realizado pola compañía de teatro Galeatro no que, en clave de humor, «tratamos de mentalizar aos propietarios e propietarias de cans que non respectan a súa obriga de recoller as defecacións das súas mascotas».
Na presentación da campaña, que celebrará nunha das zonas verdes da urbanización de Riotorto a través dun acto destinado ao público infantil, os máis pequenos tamén poderán visualizar unha película de animación con temática medioambiental. Ademais, serán convidados a un cornete de “palomitas”. Dada a situación sanitaria, o número de prazas é limitado e a asistencia requirirá inscrición previa a través do enderezo electrónico comunicacion@carballo.gal. O prazo rematará o venres ás 14:00 horas.