Esta cantidade convértense na cifra máis alta da historia en subvencións anuais destinadas a apoiar a actividade que desenvolven as entidades deportivas do concello, triplicando o importe das axudas aprobadas hai dez anos, pero o máis importante é que esa cantidade permite financiar 27 proxectos deportivos impulsados por 18 entidades do municipio.
O groso corresponde aos 144.000 euros das tres liñas de axudas que convoca anualmente o Concello de Carballo para contribuír, por unha banda, ao financiamento da organización e participación en fases finais de ascenso a competicións nacionais e campionatos de España; por outra, á organización de eventos deportivos e actividades extraordinarias, e, finalmente, ao financiamento dos proxectos de actividades en xeral das entidades. Esta terceira liña acapara a maior parte das subvencións, e este ano máis ca nunca, xa que a partida destinada a esta finalidade increméntase un 50% con respecto á convocatoria anterior á pandemia.