A evolución resulta especialmente significativa despois dunha longa etapa caracterizada pola escasa promoción de vivenda colectiva. En 2024 autorizáronse 97 vivendas, a cifra anual máis elevada desde 2008, das que 76 correspondían a edificios e 21 a vivendas unifamiliares. En 2025 foron 80, con 48 en edificios e 32 unifamiliares. Nos nove primeiros meses deste ano rexistráronse solicitudes de licenzas para outras 36 vivendas, 16 delas en edificios e 20 unifamiliares.
Deste xeito, entre os anos 2024 e 2025 e os nove primeiros meses de 2026 autorizáronse 140 vivendas en edificios, ademais de 73 unifamiliares. A promoción colectiva, polo tanto, representa practicamente dous terzos das 213 novas vivendas autorizadas neste período.
O concelleiro de Planificación, Juan Seoane, considera que a evolución dos últimos anos confirma unha recuperación da actividade residencial: “Despois de moitos anos nos que practicamente desapareceu a promoción de vivenda colectiva, estamos vendo de novo proxectos de edificios residenciais en Carballo. É un indicador de confianza e de investimento no noso concello, pero sobre todo interésanos que esta recuperación contribúa a aumentar a oferta de vivenda dispoñible”.
Juan Seoane sinala que o reto vai máis alá do número de licenzas concedidas. “O obxectivo debe ser que Carballo siga sendo un concello atractivo para vivir e que quen queira desenvolver aquí o seu proxecto de vida poida atopar vivenda”.
