Carballo conta cun novo punto limpo móbil subvencionado pola Xunta

1 minutes read

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, desprazouse ata Carballo para coñecer en persoa o funcionamento do novo punto limpo móbil municipal, adquirido polo Concello precisamente grazas a unha das subvencións outorgadas pola Xunta. No acto tamén estiveron presentes o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Contratación, Milagros Lantes; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e representantes da empresa concesionaria da recollida de lixo, Urbaser.

O Concello recibiu unha axuda de 63.000 euros para costear o 100% do investimento necesario para a posta en marcha desta nova instalación de recollida de residuos especiais.

Trátase dun vehículo industrial con caixa volquete que incorpora unha plataforma elevadora traseira para máis de 200 Kg. Ademais, funciona como un servizo gratuíto de recollida a domicilio, porta por porta, polo que entre as vantaxes previstas cómpre subliñar que mellorarán as ratios de recollida dos residuos municipais, evitaranse os puntos de vertido incontrolado e darase un novo servizo á cidadanía tanto no rural como na zona urbana, para que poidan ter un sistema de recollida de voluminosos e residuos perigosos previa cita.

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, entregou o novo punto limpo móbil financiado grazas a unha subvención da Xunta. Foto: Moncho Fuentes / AGN