Carballo contacta coas entidades deportivas para intentar minimizar os efectos da crise do COVID-19

Rolda de contactos do Concello de Carballo coas entidades deportivas_Cedida

  • A área de Deporte está a traballar cos clubs na procura de opcións que permitan manter a actividade deportiva

O Concello de Carballo iniciou esta semana unha rolda de contactos coas entidades deportivas para analizar os efectos das limitacións derivadas do estado de alarma polo COVID-19 e, na medida do posible, intentar minimizalos. Para o goberno municipal, o deporte é un elemento fundamental na mellora da calidade de vida da cidadanía, e por iso pretende realizar unha posta en común que permita promover actuacións encamiñadas a manter a actividade deportiva e garantir o acceso dos deportistas de base á práctica deportiva.

Na primeira xuntanza, celebrada o xoves 23, participaron entidades que utilizan os pavillóns de deportes para as súas actividades, e que transmitiron ao alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, unha valoración moi positiva da sensibilidade amosada polo Concello. Este venres houbo un novo encontro, nesa ocasión cos colectivos que utilizan as piscinas municipais, e nos vindeiros días continuará a rolda de contactos, sempre de maneira telemática, co resto das entidades.

O goberno municipal quere coñecer os problemas que está provocando a nova situación ás distintas entidades, ademais de analizar e prever o impacto que a crise sanitaria poida ter sobre a actividade deportiva para a próxima tempada.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha