Carballo contará cun dispositivo especial de seguridade polo San Xoán

2 minutes read
  • Efectivos da Unidade de Seguridade Cidadá (USECI) da Garda Civil estarán en Carballo nos días de maior afluencia de público.

O dispositivo arrincará o sábado 18 e manterase ata o domingo 26, último día da Semana Grande de Carballo. Durante este período estarán operativos o 100% dos/as axentes da Policía Local e realizaranse máis de 170 servizos. O obxectivo é «alcanzar un clima de seguridade e tranquilidade para estas celebracións, intentando previr calquera tipo de incidente”, indicou o xefe da Policía Local, Roberto Mosquera.

Para conseguilo reforzaranse as patrullas a diario e extremarase a vixilancia, especialmente en horas nocturnas. A presenza policial será continuada nas zonas de maior afluencia, xa en cada quenda de traballo estarán operativos entre cinco e oito axentes, e nos momentos de maior afluencia poderán chegar ata 19 “para que o calendario festivo transcorra con total normalidade».

Grazas á colaboración entre Policía Local e Garda Civil, todas as noites estarán operativas entre catro e cinco patrullas, e nos actos de maior afluencia contarán co reforzo de equipos especializados da Unidade de Seguridade Cidadá (USECI). Controis de seguridade cidadá, presenza policial nas zonas e actos de máxima aglomeración e vixilancia constante serán as claves para intentar reducir ao mínimo as incidencias.

Cambios no tráfico e nos aparcamentos

A celebración do San Xoán implica unha serie de cambios tanto no tráfico coma nos aparcamentos. Por unha banda, a Policía Local modificará as pautas de circulación habituais nun total de 12 rúas coincidindo coas procesións relixiosas, entre elas a Gran Vía, á altura da rúa do Sol, e a praza de Galicia.

Así mesmo, a partir das 22.00 horas quedará pechada a rúa Estrela.

Ademais, toda a contorna da Praza do Concello, que inclúe as rúas Cervantes, Colón, Desiderio Varela e Coruña, estará pechada ao tráfico durante as festas para facilitar o tránsito peonil.

En canto aos aparcamentos, para facilitar o seu uso tanto por parte da veciñanza coma das persoas que nos visitan, a Zona Azul quedará sen efecto durante toda a Semana Grande, do 20 ao 26 de xuño.