Carballo contará cun obradoiro dual de emprego centrado na atención a dependentes

1 minutes read

A Xunta de Galicia vén de aprobar o proxecto presentado polo Concello, coa correspondente consignación económica: 552.046,20 euros, financiados case na súa totalidade con fondos autonómicos.

O delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, fixo o anuncio nunha visita ás instalacións do Fórum Carballo que acollerán o curso acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero, e outros membros da corporación municipal.

O obradoiro dual de emprego Carballo Coida II permitirá formar a unha nova promoción de 20 alumnos e alumnas, divididos en dous grupos para optimizar os recursos formativos. O curso consta de 1.920 horas, que se impartirán ao longo de todo un ano. Ao remate, o alumnado traballador obterá o certificado de profesionalidade de nivel II en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

Os módulos teórico-prácticos impartiranse nas instalacións do edificio municipal Fórum Carballo, e o módulo de prácticas profesionais realizarase en entidades colaboradoras, nas que o alumnado poderá adquirir experiencias e habilidades profesionais e aplicar os coñecementos adquiridos na práctica real dunha entidade de iniciativa pública ou social.