Carballo contará cun servizo de mantemento das vías municipais durante cinco anos

Paso de peatones_PIXABAY

  • No período 2020-2024 está previsto un investimento de cinco millóns de euros na reparación dos firmes, a roza e a sinalización das vías

O Concello de Carballo contará cun servizo integral de mantemento da rede viaria municipal durante os próximos cinco anos, que se articulará en tres grandes áreas: conservación e reparación de vías, sinalización e roza. Estes traballos permitirán atender con máis celeridade calquera incidencia relacionada coas rúas, pistas e estradas pavimentadas de titularidade municipal.

Na Xunta de Goberno Local desta semana adxudicáronse os primeiros contratos. No tocante ao de servizos de conservación, mantemento e reparación das vías públicas rurais e urbanas, os traballos serán realizados pola empresa Construcciones López Cao e terán unha duración máxima de 5 anos (2 iniciais e tres prórrogas de 1 ano). O investimento total non superará os 1.560.108 euros.

No referido ao contrato do mantemento e traballos de sinalización horizontal e vertical na rede viaria, estas actuacións serán levadas a cabo pola empresa SACYR Conservación S. A. O contrato terá, como no caso anterior, unha duración máxima inicial de 2 anos, que poderá ser prorrogada ata un total de cinco, e o investimento total acadará os 291.380 euros.

O terceiro e último contrato en marcha é o relativo á roza das vías. Neste caso, o prazo para que as empresas presenten as súas ofertas aínda está aberto ata o 13 de outubro. Os contratos terán unha duración inicial de 1 ano, prorrogable ata un máximo de 5, e o prezo máximo será de 2.999.022,55 euros para os 5 anos.