Carballo | Continúa aberto o prazo de solicitude das axudas para pagar as facturas da luz

1 minutes read
  • Titulares do bono social e persoas que reciben tratamentos de osixenoterapia ou diálise peritoneal nos seus domicilios poderán acceder ás subvencións.

Cada vez son máis as familias que teñen dificultades para facer fronte á facturas da luz. Ante as necesidades detectadas polo Concello de Carballo, e coa finalidade de evitar a existencia de pobreza enerxética na localidade, desde o departamento de Benestar convocaron por segundo ano consecutivo unha liña de axudas para aquelas familias que leven empadroadas no municipio polo menos seis meses e cumpran con algúns destes requisitos: ser beneficiarias do bono social como mínimo durante os tres meses anteriores á convocatoria das axudas ou recibir tratamentos de osixenoterapia ou diálise peritoneal nos domicilios.

A subvención á que poderán acceder as persoas solicitantes será de 200 euros, nun pago único. O prazo de solicitude é de 15 días naturais que empezaron a contar o 23 de xuño, tras a publicación do extracto das bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, polo que rematará o 7 de xullo.