- A Semana Europea da Mobilidade rematou coa sinalización dunha das rutas do Pedibús
A Concellaría de Mobilidade segue promovendo unha mobilidade máis sostible e segura nas contornas dos colexios e en varias rúas carballesas, e faino aumentando as zonas de aparcamento para bicicletas. En concreto, a Brigada Municipal de Obras empezou a colocar este martes catro dos oito novos aparcabicis nos CEIP A Cristina, Bergantiños (2) e preto do San Luís Romero, pero tamén na entrada do Mercado Municipal dende a Praza do Concello (na imaxe), e nas rúas Concepción Arenal, Barcelona e Fomento.
Nestes momentos a localidade de Carballo conta con máis de 40 aparcabicis, ubicados sobre todo no exterior dos edificios públicos. Ademais, dentro do proxecto Cicl-Ando, que ten en licitación xa varias das actuacións previstas, tamén se inclúe a creación dunha rede de aparcamentos seguros para bicicletas.
Sinalización do Pedibús O Concello rematou a Semana Europea da Mobilidade cos máis pequenos, que se animaron a sinalizar con botes de spray e “plantillas” do Camiño Escolar unha das rutas que leva ao CEIP Fogar.
Nos vindeiros días o goberno local poñerá en marcha unha campaña informativa para animar aos nenos e nenas (e ás súas familias) a ir a pé ao colexio e a facelo organizadamente, coas medidas de prevención necesarias, polos camiños escolares que levan aos catro centros públicos urbanos.
