- Estas intervencións son financiadas con cargo ao remanente de tesourería do ano 2019
A Xunta de Goberno Local adxudicou nas sesións celebradas no mes de abril as primeiras catro obras que se financiarán con cargo ao remanente do ano 2019. A posibilidade de que os concellos dispoñan do remanente de tesourería para gastos xerais, grazas á suspensión das regras fiscais para o período 2020-21 por parte do Goberno do Estado, permite ao Concello de Carballo realizar este primeiro investimento de 3.411.416,10 euros en obras e servizos.
As obras que xa están adxudicadas e que darán comezo nas vindeiras semanas son as de accesibilidade na zona da Milagrosa e na Avenida Ponte da Pedra, a rede de saneamento e abastecemento de agua en Cambre e Outeiro (Lema) e Cambrelle (Razo), a reforma do centro social do barrio da Milagrosa e a substitución da cuberta e revestimento da fachada do pavillón deportivo “Carballo Calero”.
Tamén hai catro obras que neste momento están en fase de contratación: a rede de saneamento e abastecemento de auga aos lugares de Leboreo, Requeixo e A Rega, na parroquia de Bértoa; a segunda fase da reforma do mercado; o proxecto de seguridade no polígono industrial de Bértoa; a primeira fase da ampliación do cemiterio municipal e a reforma parcial dos almacéns municipais da Cristina para almacén-garaxe de Protección Civil.
Ademais, están pendentes de contratar as obras de reurbanización das rúas Pontevedra, Ourense e Baños Vellos e a primeira fase da reforma do Pazo da Cultura.