Carballo convoca un concurso de microrrelatos sobre o confinamento

Unha persoa escribindo_PIXABAY

  • Os textos, cun máximo de 77 palabras, poden publicarse en Instagram dende o 9 ata o 22 de abril

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca o “I Concurso de microrrelatos #carballomola” en Instagram. Os organizadores queren que o público deixe fluír a súa creatividade e plasme en forma de microrrelato os pensamentos que lles pasan pola cabeza.

A participación do concurso está aberta a calquera persoa usuaria de Instagram, sen límite de idade, e deberase mencionar a palabra confinamento ou facer referencia a ela no texto. Este deberá estar escrito en galego e non poderá ter máis de 77 palabras, sen contar o título. Acompañarase unha fotografía, ilustración, vídeo ou similar que garde relación coa obra.

As persoas que queiran participar publicarán os micorrelatos nas súas contas persoais, etiquetando a @carballomola. No texto incluiranse os hagstags #carballomicrorrelatos, #normalizaciónlingüísticacarballo e #carballomola.

O prazo para participar estará aberto dende o 9 ata o 22 de abril de 2020, e o microrrelato gañador será aquel que acade máis “megusta” ata as 24.00 horas do 22 de abril.

O nome do gañador ou gañadora farase público o xoves 23 de abril, Día do Libro, a través da páxina web www.carballo.gal e das redes sociais do Concello de Carballo.

O premio consistirá na publicación do microrrelato, xunto coa imaxe que o ilustre, na páxina web do Concello de Carballo; un lote de produtos co logotipo “Eu quero a Carballo” e un vale de 150€ para gastar en librarías de Carballo.