- Sanidade realizará este venres máis de 200 PCR a persoal das áreas de Deporte e Benestar, empregados/as de entidades deportivas e taxistas
Este pasado xoves o concello de Carballo rexistraba 77 casos positivos por coronavirus, segundo confirmaron desde a Xerencia da Área Sanitaria de A Coruña-Cee. Por este motivo, o alcalde, Evencio Ferrero, convocou para hoxe, venres, unha reunión da comisión de seguimento da COVID-19, que xa estivo traballando durante todo o estado de alarma. Na xuntanza, prevista para as 12:30 horas, analizarase a situación do concello tras o establecemento de novas restricións pola Xunta de Galicia como medida preventiva ante o incremento de casos positivos de coronavirus nos últimos días e a previsión de que sigan aumentando. Por parte do goberno local existe a determinación de adoptar as medidas necesarias, dentro das competencias municipais, para frear a propagación da COVID-19, ofrecendo ás autoridades sanitarias a máxima colaboración.
Entre as medidas adoptadas polas autoridades sanitarias na localidade de Carballo figura tamén a realización de PCR masivas, polo que está previsto que este venres fagan a proba algo máis de 200 a traballadores/as das áreas municipais de Deporte e Igualdade e Benestar, persoal contratado de entidades deportivas e taxistas.
A reunión foi convocada polo alcalde, que forma parte da comisión, e tamén asistirán os concelleiros Luis Lamas, Juan Seoane, Belén Lendoiro e Milagros Lantes; un representante da Garda Civil, o xefe da Policía Local, o coordinador de Protección Civil, o informático municipal e o secretario do Concello.
Suspensión de actos
As novas restricións establecidas pola Xunta de Galicia motivaron a suspensión de varios actos programados para a fin de semana, entre eles a presentación do libro “Arquitectura e urbanismo. Unha ucronía carballesa”, de Xan Fraga, organizada pola Asociación Cultural Lumieira; o concerto de Sés programado por Orballo Cultural, e as actividades previstas no barrio da Milagrosa coincidindo coa celebración das súas festas.
Dende o Concello de Carballo piden a toda a poboación a máxima colaboración para conseguir reducir o nivel de contaxio e que as restricións que entraron en vigor na xornada de onte poidan levantarse o antes posible.