Carballo | Corte de tráfico na rúa Ourense polas obras na contorna do balneario

Calle Ourense_Concello de Carballo

  • A rúa estará cortada a partir deste luns no treito comprendido entre Baños Vellos e Perú

A partir do luns estará pechada ao tráfico a rúa Ourense, no treito comprendido entre Baños Vellos e Perú, ao iniciarse as obras de reurbanización que «permitirán poñer en valor a contorna do balneario», sinalan desde o Concello de Carballo. Este proxecto será executado pola empresa Excavaciones y Obras Candal, se ben xa foi adxudicada tamén a reurbanización da rúa Pontevedra, que comezará a continuación. O investimento aproxímase en total aos 450.000 euros.

Esta primeira intervención consistirá na reurbanización das rúas Baños Vellos e Ourense, nas que o tráfico quedará restrinxido a residentes, vehículos de distribución e de emerxencia, quedando de plataforma única. Tamén se renovarán as redes de saneamento e complementaranse as de gas, electricidade, telecomunicacións, alumeado e rega. O proxecto prevé a plantación de arborado, a instalación de mobiliario urbano e dunha fonte no encontro das rúas. Para completar a reurbanización da zona xa están aprobados tamén os proxectos para as rúas Estrela, Lugo e Chile, nas que se investirán outros 250.000 euros.

Desde o goberno local afirman que esta actuación permitirá «recuperar unha parte fundamental da nosa historia, mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria», continuando así a liña de intervencións urbanas nas que está a traballar o Concello de Carballo nos últimos anos.