Segundo informan dende a Xunta de Galicia, as obras para reducir o risco de inundacións do río Anllóns, en Carballo, farán necesario cortar o Enlace Oeste da autoestrada AG-55 a partir do vindeiro mércores 28 de maio. Dende as 9 da mañá do próximo mércores pecharase a circulación neste ramal de acceso á autoestrada, na contorna do punto quilométrico 35 da AG-55. O corte afectará a todos os movementos. Para facilitar a mobilidade na zona haberá rutas alternativas polo enlace de Carballo Norte da AG-55 ou polo enlace de Coristanco. Os desvíos estarán debidamente sinalizados e con carteis de obra tanto na autoestrada AG-55 como na estrada autonómica AC-552.
Obras
Este corte é necesario para executar as obras que Augas de Galicia está a realizar en Carballo, que contan con financiamento europeo a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) para paliar os asolagamentos na contorna do Anllóns, mellorando a capacidade de desaugue do río e minimizando os efectos das inundacións. Estas actuacións, acordadas co Concello, están recollidas nun convenio de colaboración que conta cun orzamento de máis de 6 millóns de euros.
Tres das cinco accións previstas xa están rematadas -a realización dun by-pass na zona de Muíño do Quinto, a remodelación integral do parque de San Martiño e as obras na rúa Sol.
Neste sentido, agora iníciase a execución da mellora hidráulica do río ao seu paso polo enlace entre as estradas AG-55 e a AC-552, que se prevé que estea rematada a finais deste ano tras un investimento de preto de 1,3 millóns de euros, o que motiva o corte de tráfico.
Ademais están na fase final os traballos na rúa Fomento, que consisten na remodelación da ponte situada nesta vía, da canle fluvial e dos muros de protección augas a baixo. Estas obras implicaron o derrubamento dun edificio situado na marxe do río, a demolición da ponte existente, a construción dos elementos que conforman a nova pasarela (as vigas e o taboleiro) así como o retranqueo dos colectores e a reposición da coieira existente nas proximidades.
Todos estes traballos posibilitan que o concello de Carballo estea máis preparado para afrontar este tipo de situacións adversas, ao tempo que contribúen a mudar a imaxe da zona fluvial urbana do municipio.