Carballo | Cuantiosos danos nun accidente de tráfico en Oza

1 minutes read

Ás tres e media da tarde deste mércores produciuse un aparatoso accidente de tráfico na estrada DP-1902 que comunica Carballo con Razo, concretamente no lugar de As Torres, correspondente á parroquia de Oza. No suceso víronse involucrados dous turismos -un Opel vermello e un Audi de cor azul- que chocaron frontolateralmente, levándose a peor parte o turismo Opel que circulaba dirección a Razo e que dada a violencia do impacto saíu despedido da calzada quedando esnaquizado nun prado anexo á estrada. En primeira instancia, ningunha persoa resultou ferida, aínda que como se aprecia na instantánea os danos materiais nos coches foron cuantiosos. No lugar que se produciu o accidente a velocidade está limitada a 50 Km/h. Ao momento acudiu unha patrulla da Garda Civil, que en primeira instancia tivo que regular a circulación, dado que o carril de subida cara a Carballo estaba cortado polo turismo Audi. Máis tarde acudiu tamén un equipo de Atestados da Garda Civil de Tráfico que instruíu dilixencias.