Carballo | Cultura aborda reunións telemáticas co movemento asociativo

1 minutes read

O concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e a técnica Carmen Castro levan celebradas varias xuntanzas co movemento asociativo, entre outras cousas, para tratar as consecuencias da redución da actividade pola COVID-19, pero os encontros telemáticos continuarán ao longo de toda a semana que vén dado o elevado censo de entidades que desenvolven actividades culturais no concello, e posteriormente iniciarase outra rolda de contactos coas comisións de festas.

Para poder realizar unha diagnose da situación resulta fundamental coñecer a situación de cada unha das asociacións como consecuencia da crise sanitaria, tanto no que se refire á suspensión de actividades e ás posibles dificultades para reprogramalas e realizalas noutras datas, como no referente ás desviacións orzamentarias provocadas pola redución ou mesmo paralización da actividade. Por outra banda, dende a Concellaría de Cultura queren coñecer as perspectivas de actividade de cada entidade de cara ao ano que vén coa finalidade de poñer en común os diferentes proxectos e procurar solucións e medidas de colaboración para que o movemento asociativo poida retomar a actividade cultural nas mellores condicións.