Carballo dá o paso definitivo para a integración da Pedra Moura de Aldemunde no Parque do Megalitismo

A Xunta de Goberno Local aprobou de xeito definitivo o proxecto de expropiación, polo procedemento de taxación conxunta, dos terreos que rodean o xacemento arqueolóxico Pedra Moura de Aldemunde. Esta medida permitirá ao Concello facerse coa titularidade de máis de 10.800 metros cadrados de solo protexido para garantir a súa conservación e posta en valor.

O documento final inclúe cambios significativos respecto á aprobación inicial. Tras o período de exposición pública, o equipo redactor aceptou as alegacións de varios propietarios que solicitaron a expropiación total das súas fincas en lugar dunha ocupación parcial, ao considerar que os terreos sobrantes resultarían antieconómicos ou inviábeis para manter o seu aproveitamento.

  • Aumento de superficie: a área obxecto de protección medra desde os 7.241 m² iniciais ata os 10.856 m².
  • Investimento municipal: o orzamento total para as indemnizacións elévase a 41.491,63 €, incluíndo o correspondente premio de afección do 5%.
  • Titularidade: o proceso afecta a cinco parcelas de solo rústico de especial protección patrimonial (SRPP).

En canto á cuarta alegación presentada, desestimouse a solicitude relativa ao incremento do valor do solo pola presenza do dolmen, ao entender que a valoración debe realizarse conforme á normativa aplicable ao solo rural e que o propio xacemento arqueolóxico, como ben patrimonial, forma parte do dominio público. Si se estimou, porén, a reclamación referida á titularidade da parcela, unha vez revisada a documentación achegada.

Coa aprobación definitiva do expediente, declárase tamén a utilidade pública dos bens e dereitos afectados, así como a urxencia da súa ocupación. O Concello convoca ás persoas titulares afectadas o 21 de maio de 2026 para proceder, se é o caso, ao pagamento ou consignación das valoracións fixadas e ao levantamento das correspondentes actas de ocupación.

Con esta resolución, Carballo cumpre coas previsións do Plan do Megalitismo da Costa da Morte, asegurando que un dos seus monumentos prehistóricos máis emblemáticos conte co espazo necesario para futuras intervencións arqueolóxicas e para o goce público.

Related posts

O Consello da Xunta aproba o decreto para que os PAC abran os sábados, domingos e festivos

A Xunta vén de solicitar ao Goberno central que suspenda de inmediato a reforma do Regulamento de Costas 

O Concello da Laracha organizará un novo obradoiro dual de emprego coa colaboración da Xunta