- A moción do PP foi aprobada por unanimidade, logo da introdución dunha enmenda por parte do BNG, que foi aceptada, para solicitar tamén á Xunta de Galicia que incremente os fondos destinados á investigación sobre a doenza e para a creación dunha rede de centros comarcais de atención aos doentes.
O pleno ordinario correspondente ao mes de setembro celebrouse este luns en Carballo. Foi aprobada definitivamente a conta xeral do 2018, despois de superar o período de exposición pública sen que se presentasen alegacións, coas abstencións dos tres grupos da oposición.
O expediente de suplemento de crédito e de crédito extraordinario permitirá investir os 1,3 millóns de euros de superávit do ano pasado en obras na zona rural: mellora da capa de rodadura da vía de Xamozo (Artes) a Santa María (Ardaña), mellora da capa de rodadura da vía de Paradela a Prearada (Sofán), conservación e mellora de pavimentos en varios lugares de Rus, Artes e Oza, rede de abastecemento de auga dende Santa María de Ardaña ata Canosa (Rus) e rede de saneamento na parroquia de Artes: lugares de Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar. Neste punto votaron a favor o BNG e TeGa, mentres que PP e PSOE abstivéronse.
No apartado de rogos e preguntas o PP interesouse polos proxectos do goberno municipal para as antigas vivendas dos mestres e sobre dúas facturas pola participación no Festigal e pola adquisición de 1.000 exemplares dun libro dun autor carballés. TeGa preguntou sobre os reparos da Intervención Municipal e sobre unha factura dunha actividade medioambiental infantil.