Carballo | Denunciado por gravarse co móbil a 200 por hora na AG-55

1 minutes read

O Grupo de Investigación e Análise do Tráfico (GIAT) do Sector de Tráfico da Garda Civil de Galicia denunciou a un condutor como presunto autor dunha infracción por condución temeraria. Os feitos sucederon por mor de ter coñecemento da existencia dun vídeo nunha coñecida rede social, no que se mostraba un vehículo circulando a 200 quilómetros por hora na autoestrada AG-55 mentres o seu condutor o gravaba co móbil. A Garda Civil iniciou unha investigación en aras de lograr a identificación plena do autor dos feitos, o vehículo utilizado e a zona onde se realizou a gravación. No transcurso da mesma, os efectivos do mencionado Equipo solicitaron a información necesaria que lles permitiu situar a gravación realizada entre os quilómetros 36 e 38 da mencionada vía, no termo municipal de Coristanco, continuando coas pescudas para o esclarecemento do ilícito.

Como froito do arduo labor de investigación realizado, a Garda Civil logrou a identificación do condutor e do vehículo procedendo á súa denuncia como presunto autor dunha infracción por condución temeraria, infracción que conleva a detracción de 6 puntos do permiso de conducir e 500 euros de sanción económica unha vez sexa efectiva. O Sector de Tráfico da Garda Civil lembra que conducir con temeridade manifesta e poñendo en concreto perigo a vida ou a integridade das persoas pode conlevar penas de prisión de seis meses a dous anos e privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por de un a seis anos.