Carballo desmonta o amor romántico cun certame de lemas

1 minutes read
  • Os participantes deberán subir un vídeo ou foto a Instagram cun lema asociado a este tipo de amor

As áreas de Igualdade e Normalización Lingüística do Concello de Carballo convocan o I Concurso de lemas “Desmontando o amor romántico” con motivo do próximo 14 de febreiro, Día de San Valentín. O obxectivo desta iniciativa é concienciar á mocidade sobre os falsos tópicos asociados ao amor romántico como que o amor pode con todo, as medias laranxas ou que os celos son unha proba de amor.

O concurso realizarase a través de Instagram e os participantes deberán usar unha imaxe ou vídeo onde se poida ver ou escoitar o lema proposto, se ben este deberá estar en galego e non superar os 10 segundos. Deberá etiquetarse a @carballomola e será preciso incluir os cancelos #desmontandoamorromantico, #igualdadecarballo, #normalizaciónlingüisticacarballo e #diadoamorcarballo.

O prazo para participar estará aberto ata ás doce da noite do día 12 de febreiro. Ademais, as persoas interesadas en participar terán que enviar as imaxes e/ou vídeos por whatsapp ao número 604072887, indicando nome completo, localidade de residencia, teléfono de contacto (de ser un diferente ao utilizado para o envío) e nick de Instagram.

Todos os participantes recibirán un agasallo da campaña “Eu quero a Carballo” e entrarán nun sorteo dunha comida ou cea para dúas persoas nun establecemento da localidade.