Carballo despedirá este domingo o San Xoán coa Festa do Bosque

Imaxe de arquivo da Festa do Bosque_Turismo Carballo

  • Celebraranse dous concursos tradicionais: o das sobremesas e o da baixada de barcos de papel.

Este domingo Carballo despedirá a programación do San Xoán coa tradicional Festa do Bosque, unha romaría na que as familias e amigos se xuntan para comer, cantar, desfrutar da música e de varios concursos. Un deles é o das sobremesas, aberto a toda persoa que queira participar. A comida, doce ou salgada, non pode ser industrial nin comercial e cada participante só presentará unha ao concurso, que se celebrará o propio día de 13 a 16 horas.

Un xurado composto por cinco persoas elixidas ao azar entre os asistentes á festa valorarán a orixinalidade do plato, a presentación e, por suposto, o sabor; sendo estes últimos dúas categorías en si mesmas que optarán a cadanseu premio patrocinado pola Pastelaría San Luís.

O outro concurso é o da baixada de barcos de papel, que este ano celebra a 108ª edición. Será ás 18.30 horas e poderá participar calquera persoa que conte cun barco de papel (cartón ou cartolina) realizado de maneira artesanal e que non estea motorizado. Haberá premios á orixinalidade, á velocidade e á participación en xeral que serán patrocinados por Zoas, Mmmm! Xeados, Ferretería Arán, libraría Clarión, Fanucha´s Creadora de Dulzura e Pastelaría San Luís. As inscricións poderán formalizarse minutos antes do concurso no propio lugar.