Carballo despide un FIOT marcado pola tecnoloxía e a seguridade

2 minutes read
  • A actriz Carmen Machi recolleu o Premio do Público do FIOT 2012 por Juicio a una zorra

O FIOT en pausa rematou a súa edición máis especial, máis tecnolóxica e máis segura da súa historia. Centos de persoas puideron gozar, do 9 ao 18 de outubro, das mellores propostas do teatro galego e estatal en Carballo, nun ano no que destacou o apoio á creación do país así como a integración da cultura dixital e audiovisual coa escena.

FIOT en pausa, organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte coa colaboración do Concello de Carballo, sumou unha alta porcentaxe de ocupación dos recintos nos que se celebrou, acadando preto dun 100% de asistencia do público sobre os espazos dispoñibles. Nestes recintos, nomeadamente o Pazo da Cultura, Biblioteca Rego da Balsa, Casa do Concello, Ludoteca municipal ou o Salón de Plenos da Casa do Concello, aplicarónse previamente toda unha serie de medidas hixiénico-sanitarias preventivas para garantir o regreso seguro das espectadoras e dos espectadores ao patio de butacas.

En relación á asistencia, a organización destaca unha media de idade moi nova. “O traballo que facemos nestes anos de creación de novos públicos a través do Fiotiño ou o FIOTeen, vemos que segue a dar os seus froitos. Este ano nas salas asistiu moita xente moza, o que sen dúbida é un bo sinal á hora de garantir a continuidade e futuro do público de teatro en Carballo”, apunta Alberto Sueiro, director do FIOT.

FIOT en pausa clausurou a presente edición coa entrega dun galardón. Ao remate da función de Prostitución, a actriz Carmen Machi recolleu o Premio do Público do FIOT 2012 por Juicio a una zorra, de Kamikaze Producciones e Mamá Floriana. No seu regreso a Carballo, Machi recibiu o premio outorgado polas e polos asistentes á 21ª edición do festival e agradeceu ao público a súa volta ao patio de butacas.